Sunday 12 de May de 2024

As Dunas de Corrubedo acollen un voluntariado ambiental internacional


O Concello de Ribeira, a través da Concellería de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal, organiza un voluntariado ambiental baixo a tutela do persoal do Parque Natural de Corrubedo. O programa desenvolverase dende o 6 ate o 17 de agosto.

A actividade, deseñada para 15 mozos e mozas de 18 a 30 anos, ten como obxectivo asegurar a protección, recuperación, fomento e difusión dos valores ambientais e do patrimonio natural do complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.

Os traballos propostos consisten en labores de mantemento do espazo natural como a reconstrucción e consolidación de sendeiros, eliminación de especies autóctonas, vixilancia de incendios, retirada de plásticos e microplásticos; e labores de información e sensibilización do visitante.

“O propósito deste tipo de actividades é o de espertar o interese e o sentido crítico dos participantes cara o medioambiente; así como dar a coñecer técnicas educativas para enfocar actividades dende o respeto pola natureza e a protección da contorna.” explica a concelleira de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal; Antía Alberte.